Friday 19 de April de 2024

Adxudicados proxectos de mellora da rede viaria por un importe total de 300.000 euros


Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou concorrer a convocatorias de axudas da Xunta para o mantemento do servizo de orientación laboral e a mellora do equipamento do edificio da biblioteca municipal da Laracha.

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar unha serie de proxectos de mellora da rede viaria que suman un importe total de 300.000 euros.

Na parroquia de Erboedo realizaranse dúas intervencións diferenciadas para renovar o pavimento e mellorar a sinalización nos núcleos de San Paio e O Igrexario.

En Coiro están proxectadas dúas actuacións en Novás, onde tamén se contempla a mellora da rede de pluviais e o acondicionamento dos sobreanchos, e na Ferrulleira.
En Lemaio as obras de mellora do pavimento e da sinalización afectarán aos lugares de A Fontaíña e Proame.

En Golmar intervirase en As Talladas, onde será preciso instalar unha bionda de seguridade e mellorar a rede de pluviais, e tamén na estrada que comunica Groba con Vilar do Boi, xa pertencente á parroquia de Soutullo.

E en Montemaior renovarase o pavimento nas estradas de O Penedo, A Carballa Redonda e Adrán.
En Torás os traballos localizaranse nos núcleos de A Portela e A Barreira, e tamén na vía que comunica a Avenida de Caión (casco urbano da Laracha) con O Campo.
En Vilaño as obras previstas afectarán aos núcleo de O Formigueiro e á estrada que vai desde A Botica ata O Pino.

Por outra banda, acordouse concorrer á convocatoria de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a cooperación económica no mantemento durante outros doce meses do servizo municipal de orientación laboral.

Ademais, preséntase á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades unha proposta para incorporar novos equipamentos informáticos e audiovisuais no edificio da biblioteca municipal da Laracha ao abeiro do programa de subvencións para a mellora das instalacións que albergan actividades culturais.

Salientar, por último, a concesión da licencia urbanística para a construción dunha vivenda unifamiliar na parroquia de Caión.